Solicítase a colaboración cidadá aos coruñeses

A empresa concesionaria da recollida do lixo achegoulle un informe no que se indica que desde hai unhas semanas a súa capacidade de actuación vese desbordada polo aluvión de obxectos voluminosos aparcados nas vías da cidade

A Concellería de Medio Ambiente solicita a colaboración cidadá ante o notable incremento de depósito de mobles e electrodomésticos vellos nas rúas da cidade.

A empresa concesionaria da recollida de lixo na Coruña, Cespa, achegoulle á Concellería de Medio Ambiente un informe no que se indica que diariamente, de luns a venres, recollen unha cantidade moi alta de utensilios ou aparellos vellos (mobles e electrodomésticos) e que a súa capacidade de actuación se ve desbordada, polo que se corre o risco de que parte destes permanezan na rúa máis tempo do que sería desexable.

De luns a venres a media diaria de actuacións de recollida está en 70 para mobiliario e 40 para electrodomésticos. Cabe destacar que estas recollidas se diferencian debido a que son equipos de traballo distintos e con destinos diferentes. Isto faría un total de 110 actuacións diarias de media. Non obstante, nas últimas semanas a media de avisos ao 010 supera os 100 en utensilios e chega case aos 50 en electrodomésticos. Nesta contabilidade non se contemplan aqueles obxectos voluminosos que a veciñanza abandona sen dar aviso de recollida.

Ante esta situación de excepcionalidade, a Concellería de Medio Ambiente achega as seguintes peticións de colaboración á cidadanía da Coruña:

• Que non se deposite ningún moble, electrodoméstico ou outros voluminosos na rúa sen avisar o 010 para que os recollan.

• Unha vez avisado o 010 que se respecten as indicacións que lles fan chegar e que non se depositen na rúa os devanditos utensilios antes do día e da hora que se indicaron.

• Lémbrase tamén que existen actualmente dous puntos limpos que abren todos os días (Eirís, e Rolda de Outeiro/Rosales), así como un punto limpo móbil a onde se poden levar tamén todos eses utensilios vellos ou rotos.

• Non respectar estas normas pode ser obxecto de sanción económica.

Os mobles, xoguetes, electrodomésticos ou calquera outro voluminoso abandonados nas nosas rúas non contribúen a manter a nosa cidade limpa e libre de calquera foco de insalubridade.

Desde a Concellería sinalan que “ultimamente tamén se detectou un incremento na achega de cartón abandonado, mesmo sen dobrar, diante dos contedores, formando verdadeiras montañas e sen importar se os contedores están cheos ou non“. Deste xeito, os esforzos nesta recollida redobráronse nas ultimas semanas.

A concelleira Esther Fontán asegura que “manter a cidade con bo aspecto é un compromiso de todos nós, do concello e da cidadanía“.

Imaxe: Propiedade da web oficial do Concello de A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

RSS
Follow by Email