RenovaFGA anuncia os dez primeiros compromisos para “darlle un cambio de rumbo” á Federación Galega de Automobilismo a partir de 2022

O voceiro do grupo RenovaFGA e futuro candidato á presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA), o lalinense Antonio Rodríguez Troitiño, ofreceu esta mañá en Santiago de Compostela unha rolda de prensa para presentar “un décalogo cos primeiros compromisos para darlle un cambio de rumbo á federación” se logran o apoio maioritario nas eleccións que se celebrarán o vindeiro ano.

Entre as dez iniciativas presentadas hoxe destaca o compromiso de abaratar a práctica do automobilismo en Galicia “para que aos deportistas lles saia máis económico competir e para que as escuderías poidan ter máis liquidez para organizar probas”. “Hai marxe para facelo”, asegurou, antes de apuntar como exemplo que o mesmo seguro, coas mesmas coberturas, custa noutras comunidades menos de 140 euros e en Galicia custa 295 euros porque a FGA aplícalle máis de 85 euros de prezo de xestión e tramitación, “uns cartos que logo non se sabe moi ben a que se dedican”.

O segundo compromiso anunciado é instaurar a transparencia como eixo transversal de xestión “para que cada federado poida coñecer ao céntimo onde, cando e como se inviste cada euro que manexa a federación”. “Queremos implantar un modelo de xestión aberta e transparente, radicalmente oposta á que está a practicar a FGA tanto neste período provisional con Gloria de Burgos como na etapa anterior con Iván Corral”, engadiu Rodríguez Troitiño.

Os seguintes compromisos do décalogo son cambiar os estatutos da FGA para limitar os mandatos do/a presidente/a a un máximo de oito anos “para evitar que calquera dirixente se pervirta e acabe pensando máis nos intereses particulares que nos xerais” e recuperar o diálogo e o entendemento institucional, tanto con todas as Administracións Públicas como coa Federación Española de Automovilismo. “A FGA non é o corral de ninguén e, por iso, non é admisible que as malas relacións persoais, as liortas, os caprichos e as inimizades do presidente inhabilitado acaben condicionando en gran medida moitas das decisións que logo afectan negativamente aos deportistas e ás entidades organizadoras”, afirmou o lalinense.

Calendario sen duplicidades e traslado da sede a Santiago

Rodríguez Troitiño tamén se comprometeu a coordinar un calendario sen duplicidade de probas e a avanzar na dixitalización da FGA para facela máis eficaz, avogando, por exemplo, por unha profunda renovación da páxina web para que os usuarios poidan consultar doadamente toda a información que buscan e non atopen “unha institución oscurantista, rancia e anquilosada no pasado”.

Por outra banda, o futuro candidato á presidencia da FGA comprometeuse a fixar a sede da federación en Santiago de Compostela “por lóxica e operatividade, debido á centralidade e maior equidistancia para os federados de toda Galicia”. “O autoaluguer dos baixos por parte do inhabilitado Iván Corral e Gloria de Burgos é un dos temas controvertidos da federación, porque agás que fixeran algún cambio de titularidade, ambos seguen a ser propietarios do local da actual sede e, se ese foi un dos motivos de inhabilitación de Iván Corral, entendemos que se dan exactamente as mesmas circunstancias para manter a inhabilitación e incluso para inhabilitar a Gloria de Burgos”, afirmou Troitiño.

Os últimos tres compromisos deste primeiro decálogo son a creación da Academia FGA para formar a todos os perfís relacionados con este deporte -pilotos, copilotos, oficiais, comisarios deportivos e técnicos, cronometradores, etc.-, a recuperación e posta en valor da modalidade de karting “para que sexa a entrada de novos pilotos” e a implantación de mecanismos e sistemas de apoio aos novos talentos “para poder competir e forxarse como pilotos máis aló do campionato galego”.

Rodríguez Troitiño destacou que esta primeira batería de dez propostas e iniciativas de goberno é “froito dos contactos mantidos con moitos federados e afeccionados desde a presentación do grupo RenovaFGA no mes de marzo”.

Ao respecto, apuntou que outro dos frentes nos que traballou nestes últimos meses foi no reforzo do equipo de Renova FGA “con persoas representativas das distintas áreas e seccións dun deporte tan diverso como é o automobilismo”. Así, confirmou que ademais dos anunciados en marzo José Ramón Padín e Francisco Barreiro, tamén o acompañan no equipo de traballo de RenovaFGA os copilotos David Míguez Castro e Andrea Lamas Barragán; o secretario de carreira do Autocrós Arteixo David Arcay Franco; o organizador do Slalom de Moche Moisés García Fernández; a presidenta da Escudería Buxa Motor, Noemí Blas Prieto; o director de carreira de rallyes e autocrós Mateo Varela Fernández; o xefe de seguridade do Rally Rías Baixas, Fernando Adán Couceiro; e o afeccionado experto en motorsport Celso Cerredelo Marra. “Nas vindeiras semanas seguiremos anunciando novos integrantes do equipo”, concluiu.

Fuente. Comunicado de Prensa

https://www.facebook.com/enboxes.es

https://twitter.com/enboxes

Please follow and like us:
Pin Share

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Follow by Email
Twitter
Visit Us
Follow Me
Telegram